martes, 3 de marzo de 2009

OS QUE ANDAN ÁS SETAS" por Pablo de Llano

As próximas semanas botaranse ao monte centos de individuos calzando catiuscas, cun chubasqueiro amarrado á cintura e un cesto de mimbre na man. Atoparalos merodeando entre as xestas con aire distraído, tentando o chan co bastón e pensarás que son amantes da natureza ou sabios que se afastan do mundanal ruído para reflexionar máis profundo. Pois non son tal. Son unha pandilla de tolos dispostos a vender á súa abuela por medio kilo de níscalos.
Cada outono ao caer as primeiras choivas brillan as navallas de Taramundi e comeza a competición. Non hai lei nin lealtades, todo quisque quere encher o seu cesto cos mellores cogomelos e ca maior cantidade deles que sexa posible, a poder ser tantos como para que as tres cuartas partes do recollido acaben podrecendo. O desexo de acumulación que espertan as setas no ser humano é digno de estudio, como ruíns son as estratexias de guerrilla que usa para satisfacelo.
Xuro que un día vin a un rapaz correndo por unha pista para chegar ao monte antes que un grupo de adultos que enfilaban cargando con cestos na mesma dirección. Vin tamén cómo se tapaban baixo fieitos cogumelos imberbes para deixar que medrasen sen medo a que outros os collesen. Ata vin a unha muller dicíndolle a un neno que as setas que nacen nas cunetas non se poden coller porque están contaminadas polo fume dos coches -¡por favor, menuda trola!-.
Podo xuralo porque era eu mesmo o que corría para adiantarse, o que agochou as setas e o que foi obxecto dese intento de engano. Un de tantos outros que saen as fins de semana das súas casas para loitar contra o prójimo por un puño de champiñóns.



Os que andamos ás setas somos así de mesquiños
e é bo que o saibades
os que teñades intención de poñer o pé
nos nosos camiños.

No hay comentarios: